Os Traballos máis salientables
ALGÚNS DOS NOSOS TRABALLOS MÁIS SALIENTABLES
PXOU de As Neves
Plan Xeral de Ordenación Urbana de As Neves. Foi un intento de dotar a este concello pontevedrés dunha ordenación integral. Existe publicación sobre o mesmo co titulo: "O Planeamento no mundo rural galego. O PXOU de as Neves". Este foi o primeiro Plan Xeral redactado en galego na historia de Galicia.
Plan Especial de Protección do Pazo de Oca e o seu contorno
Plan Especial de Protección do Pazo de Oca e o seu contorno. A este traballo foille outorgado o "Premio Nacional de Urbanismo" (accésit) na convocatoria de 1981, por consideralo exemplo de "...planeamiento ajustado a los objetivos de protección del patrimonio histórico-artístico con características de rehabilitación integral". O MOPU editou un libro do mesmo titulo.
Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vilagarcía de Arousa
Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vilagarcía de Arousa. Obtivo o Premio Galicia de deseño, outorgado polo Ateneo de Ourense, na modalidade de deseño urbano.
Normas Subsidiarias do Concello de Brión.
Normas Subsidiarias do Concello de Brión. Este proxecto urbanístico está considerado, xunto co PXOU de As Neves, como pioneiro no tratamento integral do territorio rural. Actuacións derivadas del, como as levadas a cabo na Carballeira de Santa Minia (Casa do Concello, Casa da Cultura, etc) foron recoñecidas e premiadas polo Consello de Europa.
Normas Complementarias e Subsidiarias de ámbito provincial da provincia de Pontevedra
Normas Complementarias e Subsidiarias de ámbito provincial da provincia de Pontevedra. Aprobadas definitivamente en 1989 e modificadas en 1991, aínda seguen en vigor. Este traballo serviu de base ao resto de Normas Complementarias e Subsidiarias das demais provincias galegas.
Normativa Urbanística para municipios rurais de Navarra
Normativa Urbanística para municipios rurais de Navarra. Planeamento adxudicado por Concurso convocado conxuntamente polo MOPU e o Goberno de Navarra, cunha dobre finalidade: a) dotar de normativa urbanística a 37 concellos de catro vales meridionais de Navarra (Ulzama, Atez, Basaburua e Imoz) e, b) investigar sobre o planeamento nos medios rurais da España húmida. Con posterioridade elaboráronse unhas Normas Comarcais para a totalidade dos vales meridionais navarros.
Plan especial de Protección e Reforma Interior do conxunto histórico-artístico da vila de Corcubión.
Plan especial de Protección e Reforma Interior do conxunto histórico-artístico da vila de Corcubión. Este foi o primeiro dos plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos de Galicia aprobado no noso país.
Estudo Piloto previo e propostas de recuperación e rehabilitación Integral da Ribeira Sacra
Estudo Piloto previo e propostas de recuperación e rehabilitación Integral da Ribeira Sacra. Este traballo serviu para delimitar os territorios que compoñen esa peza tan senlleira do noso país, territorio que integran 1.163 núcleos de poboación en 135 parroquias pertencentes a 15 concellos das provincias de Lugo e Ourense, todas elas lindeiras das concas do Sil e o Miño nos seus treitos encaixados. Serviu como desencadeante da recuperación e desenvolvemento da Ribeira e marcou, mesmo, a zona acollida á denominación de orixe do viño que leva ese nome, hoxe xa de indubidábel prestixio mesmo fóra de Galicia.
Delimitación do camiño francés e a súa zona de influencia
Delimitación do camiño francés e a súa zona de influencia. Instrucións para a súa intervención, medidas urxentes e Inventario (tramos das provincias de Lugo e A Coruña, ata Santiago). Foi o traballo que permitiu delimitar a zona protexida do Camiño chamado Francés a Santiago, en todas as súas variantes, dende Pedrafita ata Compostela, así como recoller o Inventario de tódolos bens de interese cultural existentes nesa delimitación e as medidas urxentes a adoptar, todo elo con anterioridade ao Ano Santo de 1993.
Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de Allariz, Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico e Plan Xeral de Ordenación Municipal da vila de Allariz
Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de Allariz. Este foi o primeiro dos plans elaborados por nós neste concello. Logo virían o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico da vila de Allariz e Plan Xeral de Ordenación Municipal e unha morea de traballos de planeamento de desenvolvemento e estudos de planificación, todos eles marcados por algo tan importante como a sustentabilidade. Este labor desenvolvido en Allariz conseguiu que estes proxectos obtivesen, entre máis de 300 seleccionados en toda Europa, xunto cos elaborados en Berlín e Matera (Italia), un dos Premios Cuadrienais de Urbanismo e Planificación rexional, na convocatoria do ano 1994. Este recoñecemento axudou nese labor de recuperación integral (tamén económica e social) diste, hoxe, xa emblemático concello.
Plan Xeral de Ordenación do Concello de A Illa de Arousa.
Plan Xeral de Ordenación do Concello de A Illa de Arousa. Este Plan, constitúe unha mostra de como encarar a protección dos territorios do litoral, mesmo, do interior das rías, ao tempo que se encara un proxecto ambicioso de desenvolvemento sostible, nun medio abondo complexo polas características xeográficas e históricas e a existencia de áreas de alto valor medioambiental, á beira dunha intensiva explotación dos recursos mariños (pesca, marisqueo e, sobre todo, acuicultura), unha alta densidade poboacional e unha potencialidade turística de primeiro orde.
Plan Especial de Protección do conxunto histórico-artístico do Monte e Ermida de San Guillerme, Igrexa de Santa María das Areas e do espazo do Cabo Fisterra
Plan Especial de Protección do conxunto histórico-artístico do Monte e Ermida de San Guillerme, Igrexa de Santa María das Areas e do espazo do Cabo Fisterra. Este é o primeiro Plan Especial elaborado en Galicia onde se encara conxuntamente a dobre protección: do patrimonio histórico-artístico e do patrimonio natural, ao tempo que se persegue a posta en valor -como bens económicos- de ámbolos dous patrimonios deste fito territorial tan significativo do noso país.
Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.
Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Aprobado definitivamente por Ordes da CPTOPT de 16.05.2008 e 13.07.2009, , -coidamos- que serviu para amosar que esta aparentemente caótica cidade, pode non só corrixir as disfuncións actuais, senón tamén converterse na cidade central da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontevedra.
Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontevedra. A capital da provincia de Pontevedra ten encetado un proceso pioneiro de planificación integral mediante a contratación conxunta do planeamento urbanístico e a Axenda 21 Local que vai a permitir unha planificación sostible vinculada á clasificación do solo e con solucións de xestión urbanística integrada.
En xaneiro de 2010, recibese o Informe Previo da Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia.
Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Rosal
Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Rosal, do que xa se entregou o documento para Informe previo á Aprobación Inicial (Documento para tramitar) en novembro de 2006. En data 30 de novembro de 2009, Aprobouse inicialmente.